6/1/17

Recensión: As Crónicas de Landereina III; Sangue de Lúa


  Tres anos e medio atrás comezamos a nosa travesía polas terras de Landereina, unha prometedora fantasía da galega Sabela González. Hoxe remata unha triloxía que, facendo xustiza ao xénero que representa, foi fantástica de principio a fin, pero en Lectureka, non contento con iso, quero afondar no que fai de Sangue de Lúa, a conclusión da saga As Crónicas de Landereina, o desenlace que os lectores merecen. Benvidos á primeira recensión do ano! Comezamos forte cunha das mellores lecturas do meu 2016:
As Crónicas de Landereina III; Sangue de Lúa
Autora: Sabela González
Editorial: Galaxia
Páxinas: 213

Sinopse: estase a escribir un novo capítulo da historia de Landereina, que quedará gravado co sangue  dos Gheiroez elixidos nos libros de historia. Se ese sangue será o que derramarán a mans da traidora ou o que verterán sobre a Pedra de Lúa para destruír para sempre o poder máxico do amuleto será responsabilidade de Berenguela, Güenaela e os seus acompañantes, que cargan co deber de rescatar ao príncipe Ohn e liberar ao reino. Pero foron séculos os postos en perigo pola maxia da pedra, e moito antes da misión da pequena herdeira os seus antepasados fixeran fronte a un perigo non menos ameazante. Ambas liñas temporais discorren paralelas nunha historia na que presente e pasado penden dun mesmo fío, dunha mesma pedra, e dun mesmo sangue.                                                                                                     
Opinión persoal: 
  Afrontei a miña lectura inicial de Sangue de Lúa co medo que se sente cando algo bo está a piques de rematar. Especialmente con Landereina as miñas expectativas podían traizoarme, sendo unha triloxía pola que sinto moito aprecio como lector pero que, dende a miña humilde perspectiva, non chegaba a aproveitar todo o potencial que demostraba ter. A conclusión das aventuras dos Gheiroez podía ser, por tanto, unha obra equiparable ás dúas primeiras entregas que fixese da saga recomendable pero non especialmente memorable a longo prazo ou, pola contra, a culminación da triloxía que aprendese dos erros previos e pechase a saga elevando a fórmula de Bágoa de Lúa e Feitizo de Sangue á súa máxima potencia.

 Tendo lido e relido a novela e a saga enteira podo afirmar que Sangue de Lúa non só reclama por dereito propio o seu trono como mellor entrega da triloxía, senón que amosa a mellor cara que Landereina podía ofrecer na súa despedida. Misión cumprida.

Un final con recendo a tinta e sabor a lenda:

 Todo nesta novela é un acerto, e tamén un paso adiante con respecto a Bágoa de Lúa e Feitizo de Sangue, comezando polo título. Da mesma forma que o propio contido do libro, combina o mellor das primeiras entregas e acada un resultado redondo: Sangue de Lúa (everything comes full circle, like the moon, and I think it's beautiful).

 Con esta terceira entrega, Landereina convértese nun modelo a seguir no panorama da fantasía xuvenil de corte épico en galego, presentando unha historia máis áxil, entretida e fantástica que pouco ou nada ten que envidiar de outras con máis renome. Trae de volta a marca de identidade da saga; dúas liñas temporais intercaladas que narran acontecementos separados por centos de anos e, ao mesmo tempo, estreitamente relacionados, que otorgan unha maior profundidade á trama e facilitan unha maior fluidez na narración.

 Se algo critiquei das dúas primeiras novelas era que a súa maior vantaxe era tamén unha arma de dobre fío, xa que as diferentes tramas non sempre lograban manter o meu interés a partes iguais, desequilibrando o conxunto. De novo, Sangue de Lúa deixa atrás ese erro, acadando un equilibrio entre ambas historias no punto máis elevado da balanza. Neste caso, e dunha forma máis evidente que nunca, os peches de ambas tramas conflúen nun mesmo punto, no que o paralelismo non resulta forzado nin gratuito, senón enriquecedor dende un punto de vista narrativo (sempre que haxa persoas cobizosas, a historia está condenada a repetirse). Aínda que en realidade ambos desenlaces están separados por moitas páxinas, non podo evitar visualizalos (cousas da miña vea cinematográfica) como un montaxe paralelo con música intensa e planos moi dramáticos (é dicir, que se aínda por riba lle botades un pouquiño de imaxinación é aínda máis marabilloso).


Unhas últimas palabras:

 En termos xerais, a trama resulta máis atractiva (non quero imaxinar a dor de cabeza que debeu ser dar orde a toda a cronoloxía, as notas de Sabela deben ser para velas... pero e o que nós desfrutamos a costa do seu sudor e sangue?), e tamén hai un maior desenvolvemento emocional dos personaxes, que pode non ser o apartado máis destacable desta historia pero non por iso queda atrás. É a relación amorosa entre dous dos personaxes que aparecen na novela a que quizáis podería ter un maior desenvolvemento, pero tampouco é algo salientable dado que nunca cobra especial protagonismo nin chega a culminarse no final da novela, polo que non resulta forzada nin precipitada.

 Deixando a un lado a historia en sí, agradezo algo que botaba en falta na novela anterior, e é un pequeno prólogo que resume brevemente o acontecido previamente, moi útil para lectores que leran o segundo libro no seu lanzamento, hai xa case dous anos, e precisen regresar rápidamente á historia aforrándose a confusión de non lembrar nomes e acontecementos. Do mesmo modo, a cuberta é tan visualmente atractiva como o foron ás anteriores, facendo xustiza á novela que representa.

 Non podía dar por rematada esta recensión sen agradecer a Sabela por terme dado a oportunidade de aportar o meu diminuto gran de area a Landereina (gústame pensar que anda perdido nalgunha praia de Svörie). Agardo con ilusión as futuras historias que sucederán a esta.

Veredicto final?


E agora todos a ler! Vémonos pronto na presentación*!
Informaremos cando autora e editorial anuncien datas e localizacións.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Alimenta el blog con tus comentarios! Recuerda ser respetuoso con el redactor y lectores y siéntete libre de responder cualquier comentario publicado.

Intentaré responder a todos los comentarios, especialmente a aquellos que formulen dudas o preguntas.

¡Gracias por leernos!